Terror, humor e metáforas. Programación de Noviembro
Novembro é un mes especial para o Cineclub. Cada ano arrancamos o mes cun guiño ó cinema de terror, pero sempre cunha volta especial. O primeiro ano foi a incrible "One cut of the Dead" (unha sesión moi lembrada), metacine disfrazado de horror de serie B. O ano pasado foron Haneke e Sorogoyen.
Este ano o real, o fantástico, o humor e o medo parecen ir e vir xuntos ligados polo surrealismo e o onirismo coma estilo e coma recurso. Unha programación moi variada pero con moito máis en común do que parece.
Donnie Darko é a nosa opción máis próxima ó Samaín. Cunha envoltura de Ciencia Ficción e unha ambientación gótica, esta película ten a súa apoteosis no día de mortos (ou noite de bruxas), nun barrio americano en 1988, e vese como unha versión oscura, adolescente e invertida da historia de Alicia no País das Marabillas (e A Través do Espello), con múltiples paralelismos. De feito, ademáis de ser a nosa escolla de Samaín, é tamén unha colaboración co programa da Biblioteca Municipal, e a exposición de exemplares de Alicia (Lewis Carroll) que acolle, propiedade todos de Fátima Doval, socia do cineclub. Todo está conectado.
A seguinte semana traemos outra transposición, desta vez unha película que foi un clásico instantáneo por tódalas convencións que rompeu na súa estrea. Old Boy é unha sorte de drama grego, na que é un home en lugar dos Deuses, quen enreda os fíos e os destinos dos nosos (anti)-heroes. Violenta, retorcida, iconoclasta, foi a película que lanzou o cinema coreano en Occidente, a unha crecente vía de éxito que culminaría anos máis tarde con Parasite. Depurada estilísticamente, redonda nun guión no que nada se deixa ó chou, e moi perturbadora, é sen dúbida unha película para Novembro.
Concursante (primeira obra de Rodrigo Cortés) é outra película con múltiples capas que teremos a sorte de poder descubrir. Estamos nun momento (previo ás eleccións) no que é máis que conveniente revisar o que sabemos, e o que cremos saber, sobre a economía e as relacións sociais nun sistema consumista. Cun estilo rítmico e fragmentado, debuxa unha precisa exhibición, pero tamén unha quirúrxica fábula sobre o poder destructor do diñeiro. Cun pe sempre na máis crúa realidade, non deixa de ter momentos de abstracción e de reveladora fantasía.
Pero se queremos ver unha obra española onde o realismo máxico rebasa tódolos límites do absurdo, sen dúbida é o clásico de culto español por excelencia, "Amanece que no es poco", do noso moi lembrado Xose Luis Cuerda. Humor surrealista, tenro e algo cazurro. Mezcla de sainete absurdo e crítica á España rural, un sabe que está nunha viaxe a ningures onde todo pode pasar, e nada importa tanto como os personaxes cren. A película é un xénero de por sí, que o propio Cuerda chamou "non Surrealismo, sinon Surruralismo".


Comentarios
Publicar un comentario