Augas de Marzo - Novidades nun mes cargado de cinema
O mes de Marzo ven cargado de cinema e de novidades, un mes con importantes novidades e actividades extraordinarias:
- Sesións gratuitas os xoves 5 e 12, en colaboración coas celebracións do 8M do Concello de Tui.
- Sesións especiais o Martes 17, proxección do documental "Mulleres Calvas" con charla e coloquio xunto da Asociación Treze Catorce de Salceda.
- Arranque da colaboración coa Filmoteca de Galicia, coa proxección de filmes da súa programación, con entrada reducida.
- E coma sempre, cinema de calidade de todo o mundo, este mes temos películas de España, Líbano, Francia, EEUU, Bélxica...
- Martes 3 - Caramel (Nadia Labaki) – Dúas sesións.
Un delicado retrato coral de cinco mulleres en Beirut, que combina humor e tenrura para falar de amor, amizade e emancipación feminina nun salón de beleza cheo de vida.
- Xoves 5 - Sufragistas (Sarah Gavron) – Sesión gratuita ás 19:00.
Drama histórico sobre as mulleres que loitaron polo dereito ao voto en Inglaterra, cun elenco de luxo e unha emocionante reivindicación da igualdade que segue a ser actual.
- Martes 10 - Caras e Lugares (Agnès Varda)
Un luminoso road movie documental no que Varda (unha favorita do Cineclub Tui) e o artista JR percorren Francia creando arte efémera e encontros cheos de humor, memoria e humanidade.
- Xoves 12 - Soy Nevenka (Icíar Bollaín). – Sesión gratuita ás 19:00
Retrato íntimo e necesario dunha das primeiras mulleres en denunciar acoso sexual na política española, que converte o testemuño persoal nun poderoso acto de dignidade e reparación.
- Martes 17 - Mulleres Calvas (Sandra Román) – Con Presentación e charla-coloquio.
Documental galego que dá voz a mulleres que afrontan a perda de cabelo, rompendo silencios e estigmas cun enfoque próximo, valente e profundamente empático.
- Martes 24 - Anatomía dunha caída (Justine Triet) - Filmoteca, unha sesión 19:30, prezo reducido.
Thriller xudicial e drama de parella que mantén a tensión ata o final, Palma de Ouro en Cannes e unha brillante reflexión sobre a verdade, o xénero e o xeito en que xulgamos ás mulleres.
- Martes 31 - No Home Movie (Chantal Akerman)
Peza íntima na que Akerman filma á súa nai nos últimos anos de vida, un diario visual sobre a memoria, o fogar e a perda que emociona pola súa sobriedade e honestidade.
Tódalas películas en dúas sesións (18:30 e 20:45) excepto as indicadas. Os prezos das sesións son 2€ para socios, 2€ para menores de 18 anos, e 4,50€ para público xeral. Sesións da Filmoteca de Galicia gratuitas para socios, e 2€ para público xeral.
Tódalas proxeccións no Espazo Sociocultural Camilo Xosé Cela.

Comentarios
Publicar un comentario