A mellor volta á rutina
Tivemos un verán especial, con catro sesións moi variadas durante Xullo e Agosto no noso local, e a primeira sesión (Minari) na parroquia de Randufe, grazas á colaboración con Xuntanzas.
Tanto a proxección de "Minari" coma a de "Calle Málaga" foron éxitos nunha época na que é difícil ter público, pola grande cantidade de actividades que compiten coa nosa programación.
Temos cine martes, xoves e venres, múltiples actividades extra, colaboracións e ciclos temáticos, preparádevos para disfrutar dun cinema diferente e variado.
Día 8, martes - O verán rematou, e voltamos co ritmo máis intenso, xunto co comezo de curso. Por iso a nosa primeira película de Setembro é "A Versión Browning", unha emotiva historia dentro dun ríxido colexio inglés na que un vello e estricto profesor, a punto de xubilarse, aprende a superar o seu cinismo e a amargura, e conectar con un alumno especial, e un profesor novo. Michael Redgrave deu unha das máis grandes actuacións da historia do cinema, chea de matices.
Día 10, Xoves - Este ano tamén, colaboramos co Concello de Tui no programa do Setembro Xudeu, proxectando o personalísimo documental "Adio Kerida" da antropóloga cubana Ruth Behar. Fala do pobo sefardí en Cuba, a súa vida, a familia cubana sefardí, as comunidades que abandonaron a illa e as que ficaron, sempre cunha forte subxectividade e compromiso personal.
Día 15, Martes - EO é unha película que nos leva a unha viaxe a través dos ollos e da experiencia dun burro gris, a través de Europa, atopándose coa crueldade pero tamén coa bondade de distintas persoas. Premio do Xurado en Cannes, é una belísima e moi especial película cun orixinal punto de vista.
Día 17, Xoves - Lacombe Lucien. Outra contribución do Cineclube á programación do Setembro Xudeu. "Lacombe Lucien" é o reverso doutra película de Louis Malle que disfrutamos o ano pasado, "Adeus rapaces". É unha extraordinaria película, profundamente humana coma todo o que fai Malle, que explora o odio, o amor, a confusión e o camiño de redención dun xovencísimo colaboracionista francés, que traballa para os nazis por puro remorso e rebeldía adolescente, ata que se namora dunha rapaza xudea e tenta salvar ó seu pai, convertíndose en víctima dos dous bandos da guerra.
Día 18, Venres (en Randufe!)- Un par de pendentes son o centro de atención de "Madame de...", de Max Ophuls. Considerada unha obra maestra da sétima arte, é un elegante drama de época no que os pendentes cambian de mans, son regalados, vendidos, comprados, robados, ... cambian de valor e significado, xunto coa viaxe do triángulo protagonista. Unha película de mentiras, segredos e sentementos, que amosa a sociedade de principios do Século XX e a hipocresía das clases altas.
Día 22, Martes - Os Encantados. Outra fantástica actuación de Laia Costa nesta historia dirixida por Ana Andreu con moita sensibilidade e empatía, sobre unha madre separada que ten que pasar, por primeira vez, uns días sen a súa filla, e explora a realidade da custodia compartida á que algúns pais non conseguen acomodarse.
Día 24, Venres - O Camiño de Cova de Eiros é un documental sobre a que é considerada a Catedral do Neolítico galega, un xacemento arqueolóxico de extraordinario valor, que contén as máis antigas pinturas rupestres atopadas en Galicia. Teremos unha sesión moi especial coa presencia de Arturo de Lombera, director das excavacións.
Día 29, Martes - A Sombra do meu Pai, sesión de Filmoteca de Galicia, Nixeria, 1993, dous irmáns pasan unha tarde co seu pai na capital centrados na difícil relación familiar, sen saber que están a punto de atravesar uns dos momentos máis complicados políticamente do país. Un extraordinario filme que conta a historia real e os recordos do seu director.
Unha extraordinaria programación, que é só o aperitivo dun curso que ven con moitas sorpresas. En Outubro teremos unha exhibición de curtas de alumnos de Audiovisuais de Vigo, con presencia dos directores (o venres 2 de Outubro), colaboraremos coa edición 2026 de Hispacon, o TUIDCON (Convención dos xéneros fantásticos, adicado ás fronteiras e á historia), acompañaremos a exposición de Alicia que organiza a Biblioteca de Tui, e celebraremos o noso segundo aniversario cunha semana de cine. Ide reservando as tardes de Setembro e Outubro para moito e moi bon cine!!




Comentarios
Publicar un comentario