Cinema e compromiso: Patch Adams con Galiclown
O vindeiro sábado 6 de xuño organizamos a proxección de Patch Adams, en colaboración coa asociación Galiclown. A sesión, aberta a todos os públicos, propón unha xornada de encontro arredor da actividade dos pallasos de hospital e a súa actividade e función bastante descoñecida, combinando entretemento, información e compromiso.
Patch Adams (1998), protagonizada por Robin Williams, narra a historia real do doutor Hunter “Patch” Adams, pioneiro na introdución do humor como ferramenta terapéutica, paliativa e humanitaria nos hospitais. Cunha mirada humanista, o filme valora a importancia da empatía, a risa e o coidado emocional no ámbito sanitario, converténdose nunha obra especialmente relevante para coñecer o labor dos pallasos de hospital na actualidade.
Trala proxección, abrirase un coloquio co público para afondar na realidade deste tipo de intervencións e no impacto positivo que teñen en pacientes, familias e profesionais sanitarios. Galiclown é unha asociación sen ánimo de lucro formada por profesionais e artistas galegos que levan o clown hospitalario aos centros sanitarios para mellorar o benestar emocional das persoas ingresadas e das súas familias.
O seu labor vai moito máis alá do entretemento: a través da risa, a escoita, a improvisación, a música e outras ferramentas artísticas, crean pequenos espazos de alivio, desconexión e humanidade nun contexto especialmente delicado. Coñecer de preto o seu traballo permite descubrir como a súa intervención axuda de maneira real á experiencia das persoas hospitalizadas, facendo máis levadeira a estancia no hospital e lembrando que o coidado tamén pasa polas emocións.
O Cineclub Tui reafirma con esta proposta o seu compromiso cun cinema diverso, relevante e con capacidade transformadora. A colaboración con Galiclown permite, ademais, reforzar o valor das proxeccións familiares como espazo de encontro interxeracional e de educación en valores.
A recadación obtida destinarase integramente a Galiclown, contribuíndo así á continuidade das súas actividades. Invítase á cidadanía a participar nesta cita que combina cinema, solidariedade e compromiso social nunha proposta aberta a todos os públicos.
Información práctica
- Onde: Centro Cultural Camilo José Cela.
- Cando: sábado 6 de xuño, ás 19:00 h, sesión única.
- Entrada: 2 € socios, 2 € menores, 4,50 € entrada xeral


Comentarios
Publicar un comentario