O Cineclub mantén vivo o cinema: Ideas que trouxemos de Viana
O Cineclub Tui participou do encontro LusoGaláico de cineclubs, celebrado dentro do festival de cinema de Viana do Castelo, Encontros 26. Partindo dos difíciles retos que cercan o mundo do cinema, amenazado polo streaming e en franco retroceso (depóis de décadas de peche de salas pequenas, nos últimos poucos anos pecharon tamén no Norte de Portugal unhas 100 salas incluíndo grandes salas e multiplex), discútese o papel dos cineclubes, as salas independentes e o seu encaixe no novo panorama do cine nas nosas rexións.
Os encontros deixaron unha idea moi clara: os cineclubes son moito máis ca un lugar onde ver películas. Son espazos comunitarios alternativos, de aprendizaxe e de resistencia cultural. Nun tempo no que a oferta audiovisual parece medrar, pero tende á homoxeneización -algoritmia-, o papel dos cineclubes segue sendo fundamental para defender a diversidade e para crear comunidade arredor do cinema. Son un lugar de descobremento que proporcionan ó espectador unha nova libertade e acceso ás películas que os algoritmos lle esconden.
Nas tres mesas redondas quedou patente un diagnóstico compartido por participantes de Portugal e Galicia: o grande reto do cine das nosas rexións non está só na producción, senón en facelo chegar ao público: en proxectar cinema. Falouse moito da necesidade de reforzar a exhibición e de poñer no centro a relación entre as películas e as persoas que as ven. Nese sentido, os cineclubes aparecen como unha peza imprescindible dentro do ecosistema cinematográfico.
Unha das ideas máis repetidas foi que o cineclub non é unha sala menor nin unha actividade secundaria. Ao contrario: moitas veces consegue algo que outras pantallas non logran, que é reunir público fiel, atento e disposto a compartir unha experiencia máis rica. A sesión non remata cando se acenden as luces; segue despois, coa conversa, co debate e co acto de compartir recomendacións, ou novas descobertas de películas e outras manifestacións culturais conectadas (libros, fotografía, obras de teatro, exposicións...)
Outro aspecto importante foi a programación. As reflexións recollidas apuntan a que os cineclubes deben seguir combinando clásicos, cinema de autor, obras menos visibles e propostas especiais que sorprendan e abran portas a novos públicos. A variedade non é un luxo, senón unha ferramenta para seguir medrando, para atraer xente diferente e para facer que cada sesión teña sentido por si mesma. En particular, insistiuse varias veces (por parte dos cineclubs e salas de cine presentes, coma por exemplo o Américo Santos do Cinema Trinidade, Xan Gómez de NUMAX, ou Tiago Santos da Casa do Cinema de Coimbra), en que os clásicos son fundamentais para a formación do público, e unha excelente vía de entrada para crear gosto polo cine e introducir nova audiencia. Comentáronse algunhas experiencias con público xove e adolescente, que non tivera oportunidade de coñecer os clásicos, e a excelente acollida que tivo.
Tamén se insistiu moito na importancia de traballar en rede. Cineclubes, festivais, escolas, bibliotecas, distribuidoras e outras entidades culturais non deberían verse como illas separadas, senón como aliados. Cando hai colaboración, o alcance medra e o esforzo convértese en forza colectiva. Esa foi unha das mensaxes máis útiles que saíron de Viana: compartir é tamén programar mellor. En particular Rodrigo Areias, de Bando À Parte, comentóu que ós productores e distribuidores pequenos lle debera interesar especialmente a promoción dos cineclubes porque abren un espazo de exhibición completamente novo, diferente, moi accesible, cun público fiel e que conecta co tipo de películas que os realizadores galegos e portugueses queren facer. Chegou a admitir que tiña proposto (sen moito éxito) reducir un pouco a financiación á producción e á distribución para promover ás salas pequenas e ós cineclubs, polo efecto positivo que teñen en todo o sistema.
Un tema central foi a formación de públicos. Falouse de educar a mirada desde idades temperás, de achegar o cinema ás escolas, de crear hábitos de asistencia e de convidar a xente nova a descubrir outras formas de ver. Para os cineclubes, esta é unha tarefa de fondo, porque non se trata só de encher salas, senón de construír espectadores e espectadoras que saiban gozar doutra maneira do cinema. Se ben as salas do cineclub non chegan ó tamaño e ó público masivo dos grandes cineplex, os productores e distribuidores admiten algo sorprendente: as produccións máis modestas conseguen moito máis público nos cineclubs e nos festivais, que nas salas comerciais. Por iso se plantexan os espacios de exhibición comunitarios como espazos a protexer, xa que están moi amenazados.
As mesas tamén puxeron o foco nos problemas que afrontan os espazos culturais pequenos. A presión inmobiliaria, a subida dos alugueiros e a perda de locais no centro das cidades están a complicar moito a supervivencia de moitas iniciativas. Nesta realidade, defender os espazos de exhibición é defender tamén o dereito da veciñanza a acceder á cultura sen ter que depender sempre de grandes complexos comerciais.
Houbo ademais unha reivindicación moi concreta: que a exhibición non comercial reciba máis recoñecemento institucional e máis apoio público. As entidades sen ánimo de lucro fan un traballo enorme, moitas veces con recursos escasos e cunha dedicación que non sempre se ve nin se compensa. Por iso parece xusto que haxa políticas máis sensibles ao valor real que achegan os cineclubes á vida cultural dos territorios.
Outro asunto moi presente foi o da proximidade. Falouse de levar cinema a parroquias, a centros pequenos e a lugares onde non sempre chega a programación máis diversa. Esa vontade de descentralizar a cultura encaixa moi ben coa tradición cineclubista e reforza unha idea esencial: o cinema tamén pode ser unha ferramenta para tecer comunidade máis alá dos grandes núcleos urbanos.
Ao final, e pese ó escuro futuro que se deliñaba no inicio, o que queda destes encontros é unha sensación positiva e útil. Os cineclubes teñen por diante o reto de seguir sendo un espazo vivo, aberto e atento ao que pasa arredor, pero tamén un refuxio para quen busca cinema con personalidade e con sentido compartido. Se algo nos lembran estas mesas é que o cineclub segue sendo necesario precisamente porque crea aquilo que máis custa atopar hoxe: tempo, conversa e mirada común.





Comentarios
Publicar un comentario