"Unha historia verdadeira": o David Lynch máis humano
Hai filmes que desafían as expectativas, e poucos exemplos tan fascinantes existen como Una historia verdadera (The Straight Story, 1999), dirixida por David Lynch. O próximo martes 21 de abril ás 19:30, o Cineclub Tui proxectará esta obra única nunha excelente copia restaurada en 4K cedida pola Filmoteca de Galicia, dentro do noso programa de colaboración. A entrada terá un prezo simbólico de 2€ para todo o público, no noso local habitual: Centro Camilo José Cela, Tui.
Lévase xa un ano sen David Lynch, falecido en 2025, e a sensación de baleiro segue sendo enorme. No Cineclub xa fixemos unha homaxe poucos días despóis da súa morte e sempre tivemos debilidade pola súa incrible obra. Poucos creadores souberon transformar o cinema —e a arte contemporánea en xeral— coa forza e a imaxinación coa que el o fixo. Lynch expandiu as fronteiras da narrativa audiovisual, convertendo o estraño e o familiar nun espello das áreas máis escuras e agochadas da mente humana. Una historia verdadeira, paradoxalmente, mostra o seu lado máis luminoso e compasivo.
Nesta película, baseada en feitos reais, Alvin Straight (Richard Farnsworth) emprende unha longa viaxe dende Iowa ata Wisconsin a bordo dun cortacéspede. O motivo é tan simple como profundo: reconciliarse co seu irmán antes de que sexa tarde. Farnsworth, veterano actor e antigo especialista de acción en clásicos do western, ofrece aquí unha das interpretacións máis conmovedoras da historia do cine. A pesar dun cancro terminal que o acompañaba durante a rodaxe, a súa mirada transmite serenidade, humildade e coraxe. Este papel valeulle unha nominación ao Óscar ao mellor actor, converténdose nun símbolo do cine honesto e emotivo.
O filme foi rodado integramente en localizacións reais ao longo do percorrido verdadeiro de Alvin Straight, entre os fermosos paisaxes do Medio Oeste americano. Lynch traballou con luz natural e preferiu o ritmo real do viaxe, o que lle concede á película ese ton cálido e contemplativo que a fai tan especial. A fotografía de Freddie Francis, mestre británico que tamén colaborara con Lynch en The Elephant Man, enche cada plano de melancolía e beleza. A música, de Angelo Badalamenti, completa o conxunto cunha delicadeza que conmove sen caer na sensiblería.
Una historia verdadeira é, ao mesmo tempo, unha ruptura e unha continuidade dentro da obra de Lynch. Rompe coa súa estética surrealista habitual, pero conserva a mirada poética sobre o ser humano e a natureza. Neste caso, o misterio non reside no soño nin no inconsciente, senón na vida mesma: nas pequenas decisións, nas feridas que o tempo quixo borrar e na esperanza que nunca se apaga.
Co paso dos anos, este filme consolidouse como un clásico silencioso, capaz de emocionar a quen busca no cine algo máis ca entretemento. É unha historia de reconciliação, de paciencia e de beleza interior. E ver hoxe Una historia verdadeira é tamén render homenaxe á sensibilidade de Lynch, a esa capacidade de atopar o extraordinario na aparente normalidade.
O martes 21 de abril ás 19:30, convidámoste a compartir esta experiencia en pantalla grande, coa mellor calidade visual grazas á Filmoteca de Galicia. Por só 2€, poderás revisitar o David Lynch máis humano, máis real e, paradoxalmente, máis máxico. Unha cita imprescindible para celebrarmos o seu legado e manter viva a emoción do seu cine.



Comentarios
Publicar un comentario