Nomades: As nosas sesións con Mala Herba
Onte, 11 de Marzo de 2025, tivemos unha tarde máxica no Centro Camilo José Cela de Tui. Todo gracias a unhas rapazas que nos trouxeron o mellor regalo que poderíamos pedir.
Dirixida por Marta Insua, escrita e protagonizada por Noelia González e Sara Ferro, Nómades é un proxecto nacido do puro gusto por facer cine, e dun equipo que traballou dende a fé nas propias ideas e a amizade, a xenerosidade e o espíritu de equipo. Iso de por sí é un regalo que o equipo creativo e técnico de Nómades ofrece ó mundo.
Un día, hai apenas unhas semanas, apareceu no noso email unha mensaxe ofrecéndonos a proxección da película para o público de Tui, incluíndo presentación e debate por parte das súas creadoras. Amosar a creación galega, e moi en particular a da comarca, está no ADN do Cineclub, así que foi un auténtico regalo. Pero ademáis, despois de ver o trailer e material promocional, o traballo tiña un aspecto fantástico: gran fotografía, fermosas paisaxes galegas, moi ben actuada, deliciosa música (algunha orixinal)... antes incluso de poder ver a serie sabiamos que era un producto de gran calidade.
Acordamos a proxección, dúas sesións como ven facendo o CineClub para chegar a máis público, e todo foron facilidades por parte das rapazas. Inmediata comunicación e naturalidade. Foron moi xenerosas, non só nos ofreceron a proxección sen contrapartidas, tamén aceptaron presentala e facer debate-fórum nas dúas sesións.
E foi unha experiencia que disfrutamos moito.
Gracias ó fantástico equipo de son e proxección da sala Camilo José Cela (cedida polo Concello de Tui) e as características do lugar, Nómades víase e escoitábase fantástica. É en realidade unha película de metraxe medio, dividida en tres partes, e disfrutamos cada minuto dela.
O mellor foi o debate posterior. Falamos da historia de amizade e evolución personal, que sucede dentro da película, pero tamén do proceso de facer a película, ata os menores detalles: a loita dende a concepción, a financiación, a preproducción, localización de exteriores, postproducción, ... o ambiente de traballo que lles levou a sentir que eran unha única familia, as dificultades e o aprendizaxe. Falamos dos subtextos e dos temas detrás da historia: a precariedade e a inestabilidade laboral, a zozobra emocional, o proceso doroso de crecer e deixar atrás familia ou amigos, as sensacións de toda unha xeración. E de como ter que ir a grabar a Ferrol levounas por unha historia moi próxima á do guión.
E falou o público, de cánto lles gustou o filme, da admiración ante a valentía das rapazas, da súa reacción emocional ante o que viran, e sobre todo, da conexión a través do cinema. "Agora entendo mellor ámiña filla", ou "en realidade parecémonos moito", comentarios que amosaban empatía e a capacidades de romper as distancias entre xeracions, entre experiencias.
Con unha promesa de voltar, xa que falamos dos próximos proyectos de Mala Herba, rematamos con unha sensación de calidez e cercanía que salía da propia película, pero sobre todo das suas creadoras e o seu compromiso coa comunicación co público. Deseamos moitos éxitos a Mala Herba no futuro, moitas gracias por este agasallo.
Comentarios
Publicar un comentario