Cinema de Maio, volta o sol e os favoritos do público
Cineclub Tui presenta a súa programación para o mes de maio cunha selección moi especial de catro películas que reflicten, unha vez máis, a diversidade e riqueza do cinema que nos gusta compartir. Esta escolma non sería posible sen as achegas e recomendacións do noso público e das persoas socias, que seguen a demostrar que o Cineclub é un espazo vivo construído entre todas e todos. Tres das catro películas foron directamente solicitadas (algunhas varias veces) por vos, cremos que ides a disfrutalas moito.
Ao longo do mes viaxaremos por distintas xeografías, estilos e sensibilidades: do romanticismo contido de Hong Kong ao cinema galego contemporáneo, pasando pola épica humanista de Kurosawa e a intensidade urbana do Brasil. Clásicos e obras máis recentes conviven nunha programación que aposta pola variedade, o descubrimento e o pracer de ver cinema en pantalla grande.
5 de maio — Desexando Amar (Wong Kar Wai, 2000, Hong Kong, 98 min) Dúas sesións: 18:30 e 20:45
Considerada unha das grandes obras mestras do cinema contemporáneo, Desexando Amar é unha delicada historia de amor contido, desexo e soidade ambientada no Hong Kong dos anos 60. Wong Kar Wai constrúe unha atmosfera única a través dunha posta en escena exquisita, marcada polos encadres, os movementos de cámara e o uso expresivo da música.
Protagonizada por Tony Leung e Maggie Cheung, a película explora os silencios e os xestos mínimos cunha elegancia extraordinaria. Unha experiencia sensorial e emocional que gaña unha nova dimensión ao ser vivida na escuridade da sala de cine.
12 de maio — Deuses de Pedra (Iván Castiñeiras, 2024, Galicia, 98 min) Sesión única: 20:45 (sesión Cinemateca Galega)
O cinema galego contemporáneo chega ao Cineclub cunha proposta singular e suxestiva. Deuses de Pedra mergúllanos nun relato que conecta paisaxe, memoria e identidade, explorando a relación entre o ser humano e o territorio.
Iván Castiñeiras constrúe unha obra de forte carga visual e simbólica, na que o ritmo pausado e a atención ao detalle convidan á reflexión. Unha oportunidade para achegarse a novas voces do noso cinema e descubrir outras formas de narrar.
19 de maio — Dersu Uzala (Akira Kurosawa, 1975, URSS/Xapón, 144 min)
Dúas sesións: 18:30 e 21:00
Dirixida por un dos grandes mestres da historia do cinema, Dersu Uzala é unha épica profundamente humana que relata a amizade entre un explorador ruso e un cazador nómade nas vastas paisaxes de Siberia.
Kurosawa combina espectacularidade visual cunha fonda reflexión sobre a natureza, a civilización e o paso do tempo. Un filme de grande beleza e sensibilidade, pensado para ser gozado en pantalla grande, onde a inmensidade dos seus espazos cobra todo o seu sentido.
26 de maio — Cidade de Deus (Fernando Meirelles, 2002, Brasil, 130 min)
Dúas sesións: 18:30 e 21:00
Cidade de Deus é unha das películas máis impactantes do cinema recente, un retrato vibrante e cru da vida nas favelas de Río de Janeiro. Cun estilo visual dinámico e unha montaxe enérxica, a película segue o crecemento de varios personaxes nun contexto marcado pola violencia e a supervivencia.
Fernando Meirelles constrúe un relato coral que combina realismo e intensidade narrativa, ofrecendo unha experiencia cinematográfica absorbente e inesquecible.
Ademais, este mes queremos agradecer a vosa participación cun pequeno incentivo: sortearemos bonos de cinco entradas entre todas as persoas que acudan ás sesión do 28 de Abril e 5 de Maio. Un motivo máis para non perderse a cita co CineClub.
Coma sempre, animámosvos a desfrutar do cinema nas mellores condicións posibles de son e imaxe (e temperatura!), pero sobre todo a compartir a experiencia en compañía. Porque o Cineclub Tui é, ante todo, un espazo colectivo, construído entre todas as persoas que o facedes posible co voso apoio, vosas propostas, a vosa presenza e a paixón polo cinema.
Agardámosvos!





Comentarios
Publicar un comentario