O Santo Oficio
Avanzando nas últimas actividades programadas do “Setembro xudeu” de Tui este xoves, 25 de setembro, ás 20,00 horas se realizará a proxección do filme “Santo Oficio” realizado en 1973 por Arturo Ripstein no Espazo socio-cultural da rúa Camilo José Cela.
O cineasta Arturo Ripstein (Cidade de México, 1943), discípulo de Luis Buñuel, é un director mexicano nacionalizado español dende 2003, que conta cunha ampla filmografía. É coñecido por unha narración surrealista intensa, poética, excesiva e vibrante de ideas e emocións. Contrastando cos seus maiores éxitos como "O Castelo da Pureza" (que inspiraría Canino de Lanthimos), "Santo Oficio" resulta moito máis sóbrida e próxima á historia, balanceando un rigor histórico minucioso e a exploración de temas humanos universais. Este tono íntimo débese a que é un proxecto moi personal dun director de orixe xudea que busca as suas proprias orixes.
En 1973, cando acada un amplo éxito internacional, escribiu o guión, e logo asumiu a dirección, desta obra que aborda, por vez primeira na historia, a realidade dos xudeus-conversos no século XVI en Nova España (actual México).
Esta obra cinematográfica mexicana recibiu dous grandes premios: Premio Ariel ao mellor guión e a nominación á Palma de Ouro no Festival de Cannes de 1974 (que finalmente acadou F. F. Coppola).
“Santo Oficio” segue a historia de Gaspar de Carvajal, un dominico que non viu á súa familia desde que tiña 10 anos cando foi enviado a dedicarse á vida relixiosa. Un día, asiste ao funeral do seu pai, onde nota que o corpo foi lavado, logo enterrado nun sudario e sen cadaleito. Gaspar dille ao seu confesor que sospeita que a súa familia, os xudeus convertidos ao catolicismo, aínda seguen os vellos costumes. O pai Lorenzo di que este asunto debe levar ante a Inquisición. Alonso de Peralta, inquisidor xefe de Nova España, ordena arrestar á familia Carvajal polo testemuño do seu fillo.
Esta proxección permite achegarse ao coñecemento da realidade de vida dos “cristiáns novos”, unha importante comunidade que tamén existiu en Tui especialmente no século XVI, que sofreron a persecución da Inquisición. Na nosa cidade conservamos un testemuño excepcional desta época como é a colección dos sambenitos da catedral tudense, unhas pezas únicas e de enorme interese. Con esta proxección poderemos achegarnos a comprender mellor o seu contexto histórico así como contemplar unha obra dun acreditado cineasta. Con esta proxección e a realizada o pasado 11 de setembro o Concello de Tui, en colaboración co Cine Club, ampliou este ano a súa oferta de actividades do “Setembro xudeu”.
Comentarios
Publicar un comentario