A nosa experiencia no EducODS

As actividades máis emocionantes que temos feito no CineClub son as que compartimos con xente da comarca, con creadores, ou con outras asociacións. Vemos de compartir convosco neste Blog interesantes sesións que compartimos coas rapazas de Mala Herba, coa escritora tudense Milena Martínez, coa directora Diana Gonçalves, co instituto Indalecio Pérez Tizón, as primeiras colaboracións co Clube de Lectura e a Biblioteca a través dos nosos valiosísimos socios... 


A primeira semana de Xuño marcou a nosa primeira colaboración a outro nivel. Por primeira vez puidemos programar dentro doutra actividade e coorganizar unha programación especial temática en cooperación. Foi no marco do V Congreso Educativo EducODS, organizado polo CEIP N1 de Tui, e apoiado pola Xunta de Galicia e o Concello de Tui, onde participaron máis de 20 centros educativos incluindo centros de infantil, primaria, secundaria, o conservatorio profesional e escola de música de Tui, e a escola da banda de música popular de Tui.


Tiven o privilexio de asistir ó show científico con exposiciones e experimentos de química, física, mecánica, tecnoloxía... en especial unha experiencia moi visual con fluoresceina na escuridade (ós do cine gústanos calqueira cousa que se faga con luz), unha fermosa visualización do pH co extracto dunha lombarda, e nenos literalmente camiñando sobre ovos sen rompelos. Mistura entre ciencia e espectáculo de maxia, o máis fermoso é que cada experimento era tamén unha historia que os nenos relataban. Este traballo noso de compartir historias, está en boas mans para o futuro.


Logo dun fantástico concerto de flauta, teclado e violín, dun gusto exquisito e de novo cargado de historias de mulleres influintes no mundo da música, os rapaces de novo sorprendéronnos cunha orixinal forma de narrar as historias de varias mulleres que cambiaron o mundo, empregando unha "película" feita con acetatos, e un retroproxector dos que tíñamos hai décadas en todas as clases.


Ese día, cando chegamos á proxección, xa había ambente de cinema na sala do Centro Camilo José Cela. E ese día, o martes 3 ás oito, compartimos unha emotiva película de Louis Malle que reflicte, quizáis mellor que ningunha outra, a vida nun internado da primeira metade do século XX, baixo moi difíciles circunstancias que non impiden ós nenos ser nenos, e cultivar a amizade e a inocencia en contra das tolemias do mundo. Adeus Rapaces foi un colofón perfecto á xornada inaugural no Camilo José Cela, e unha bonita experiencia compartida, que tivemos gracias a AContraCorriente, que nos enviou información actualizada sobre a súa Suscripción para Colectivos, especialmente pensada para facilitar o uso do cinema como ferramenta educativa, sen todas as dificultades da xestión de dereitos e a búsqueda de copias legais autorizadas para exhibición pública. Desde CineClub Tui agradecemos todas as iniciativas que promoven o cinema como valor cultural, educativo e de crecemento humano.

O xoves, o día en que o congreso programou unha mesa redonda sobre coidado e benestar animal, e o teatro musicalizado "Animalia", de novo a Suscripción para Colectivos de Acontra+ permitiunos disfrutar dunha película totalmente alineada con este tema. Proxecto Nim mostra un experimento fallido cun chimpancé, co que a ciencia pretendía demostrar algunha tese sobre a linguaxe humana e a comunicación entre especies, olvidando a naturaleza do animal e o respeto ós seus propios códigos e formas de relacionarse, ver o mundo, aprender e expresarse. E de forma moi similar á película de Malle, o documental de Marsh é unha historia que reclama a necesidade de empatía, coñecemento mútuo e respeto nesa tarefa tan delicada que é ensinar. Algo que puidemos ver en cada acto durante toda a exitosa actividade do congreso, do que foi un auténtico placer formar parte por vez primeira. Noraboa a todos os docentes, todos os rapaces, os músicos e todos os que participaron no EducODS.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

El año en que todo comienza

Jim Jarmusch, ferozmente independente

Programación de Nadal (parte 2)